Thursday 02 de May de 2024

Este xoves remata o prazo de presentación de ofertas para xestionar o bar da piscina de Moeche


O Concello de Moeche convocou recentemente o concurso público para a xestión do servizo de bar na área recreativa de Souto Grande durante este verán, concretamente entre o 19 de xuño e o 26 de setembro aínda que o período de apertura ao público obrigatorio será até o día 19 de setembro. As empresas ou persoas autónomas interesadas teñen até as 14.30h. deste xoves para achegar as súas ofertas.

Alén da apertura do bar, a adxudicataria deberá asumir como obrigas básicas o mantemento da piscina e a limpeza dos aseos e vestiarios, ademais da recollida do lixo en toda a área recreativa (deberá depositalo nos colectores próximos). Tamén terá que encargarse da venda de entradas diarias e de entregarlle a recadación ao Concello cada semana.

Os horarios establecidos para o servizo abranguen das 14.30 ás 21.00h. nos meses de xullo e agosto, reducíndose en xuño e setembro á banda horaria comprendida entre as 16.00h. e as 21.00h. Por outra banda tamén deberá ampliarse o horario polas mañás cando se desenvolvan cursos e outras actividades municipais, e tamén os sábados, domingos e festivos ofrecendo unha apertura ininterrompida de 12 a 21.00h.

O canon mínimo que se marcou nos pregos ascende a 400 euros 400 euros para os tres meses , contía que poderán incrementar as licitadoras ou licitadores na súa proposta.

As persoas ou empresas interesadas deberán presentar a súa oferta, como moi tarde, ás 14.30 horas do día 3 de xuño. A documentación haberá que rexistrala presencialmente nas oficinas municipais, na Sede Electrónica ou por calquera dos medios admitidos segundo a normativa de procedementos das administracións públicas. Se se opta por facer chegar a oferta por correo postal será necesario comunicar que se enviou a documentación por esta vía, algo que se pode facer no correo electrónico correo@moeche.gal -ou por fax, télex, telegrama ou na Sede Electrónica- indicando o título obxecto do contrato e o nome da licitadora.

Os pregos desta convocatoria están dispoñibles na Casa do Concello ou no taboleiro de anuncios da Sede Electrónica Municipal, ao que se accede desde a portada de www.moeche.gal.